ebook img

MINISTERIO DE AGRICULTURA, ALIMENTACIÓN E MEDIO AMBIENTE PDF

23 Pages·2013·0.46 MB·Spanish
by  
Save to my drive
Quick download
Download
Most books are stored in the elastic cloud where traffic is expensive. For this reason, we have a limit on daily download.

Preview MINISTERIO DE AGRICULTURA, ALIMENTACIÓN E MEDIO AMBIENTE

BOLETÍN OFICIAL DEL ESTADO Suplemento en lingua galega ao núm. 185 Sábado 3 de agosto de 2013 Sec. I. Páx. 1 I. DISPOSICIÓNS XERAIS MINISTERIO DE AGRICULTURA, ALIMENTACIÓN E MEDIO AMBIENTE 8565 Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras. As especies exóticas invasoras constitúen unha das principais causas de perda de biodiversidade no mundo, circunstancia que se agrava en hábitats e ecosistemas especialmente vulnerables, como son as illas e as augas continentais. A introdución destas especies invasoras tamén pode ocasionar graves prexuízos á economía, especialmente á produción agrícola, gandeira e forestal, e mesmo á saúde pública. Existe unha gran preocupación pola crecente expansión destas especies. O Convenio das Nacións Unidas sobre a diversidade biolóxica, ratificado por España en 1993, recoñeceu a existencia deste problema e estableceu no seu artigo 8.h que cada parte contratante, na medida das súas posibilidades, impedirá que se introduzan, controlará ou erradicará as especies exóticas que ameacen os ecosistemas, os hábitats ou as especies. No ámbito da Unión Europea, a Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro de 2009, relativa á conservación das aves silvestres, establece no seu artigo 11 que os Estados membros velarán por evitar que a eventual introdución de especies de aves que non vivan normalmente en estado salvaxe no territorio europeo prexudique a fauna e a flora locais. Pola súa parte, a Directiva 92/43/ CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e da flora silvestres, establece no seu artigo 22 que os Estados membros garantirán que a introdución intencionada na natureza dunha especie que non sexa autóctona do seu territorio se regule de modo que non prexudique a fauna e a flora silvestres autóctonas, nin os seus hábitats naturais na súa zona de distribución natural e, se o consideran preciso, prohibirán a introdución. Neste contexto, en 2008 a Comisión Europea adoptou a comunicación «Cara a unha estratexia da Unión Europea sobre especies invasoras» [COM (2008) 789 final]. No ámbito mariño, a Unión Europea conta coa Directiva 2008/56/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de xuño de 2008, que establece un marco de acción comunitaria para a política do medio mariño (Directiva marco sobre a estratexia mariña), que ten como obxectivo lograr ou manter o bo estado ambiental do medio mariño, o máis tardar en 2020. Segundo esta, a definición do bo estado ambiental baséase en once descritores, entre os cales se encontra un específico relativo ás especies alóctonas. Esta directiva foi trasposta á lexislación española pola Lei 41/2010, do 29 de decembro, de protección do medio mariño. Por outro lado, no ano 2004 adoptouse o «Convenio internacional para o control e xestión da auga de lastre e sedimentos dos buques», unha de cuxas principais finalidades é evitar a introdución de especies exóticas ou alóctonas nos ecosistemas mariños e costeiros. Por outra parte, a presenza de especies exóticas invasoras nas demarcacións hidrográficas pon en risco o cumprimento dos obxectivos ambientais establecidos no artigo 4 da Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas (Directiva marco sobre a auga). Pola súa parte, o Regulamento (CE) n.º 338/97 do Consello, do 9 de decembro de 1996, relativo á protección de especies da fauna e da flora silvestres mediante o control do seu comercio, que regula a aplicación do Convenio CITES no territorio da Unión Europea, permite a inclusión nos seus anexos de especies cuxa introdución no ambiente natural da Unión Europea constitúe unha ameaza ecolóxica para as especies silvestres autóctonas. Esta aplicación regúlase mediante regulamentos, que se actualizan BOLETÍN OFICIAL DEL ESTADO Suplemento en lingua galega ao núm. 185 Sábado 3 de agosto de 2013 Sec. I. Páx. 2 periodicamente, nos cales se establece a suspensión da introdución de especies na Unión Europea. No ámbito nacional, desde 1995 a introdución ou liberación non autorizada de especies alóctonas prexudiciais para o equilibrio biolóxico figura como delito contra o ambiente na Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal. A Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental, identificou, por medio do Real decreto 2090/2008, do 22 de decembro, de desenvolvemento parcial desa lei, como axente causante de dano biolóxico, entre outras, as especies exóticas invasoras. Pola súa parte, a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, estableceu que as administracións públicas competentes prohibirán a introdución de especies, subespecies ou razas xeográficas alóctonas cando estas sexan susceptibles de competir coas especies silvestres autóctonas, alterar a súa pureza xenética ou os equilibrios ecolóxicos, de acordo ao seu artigo 52.2. Ademais creou, no artigo 61.1, o Catálogo español de especies exóticas invasoras, no cal se deben incluír todas aquelas especies e subespecies exóticas invasoras que constitúan de feito ou poidan chegar a constituír unha ameaza grave para as especies autóctonas, os hábitats ou os ecosistemas, a agronomía ou para os recursos económicos asociados ao uso do patrimonio natural. Este catálogo terá carácter administrativo e ámbito estatal, e será dependente do de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, quen especificará a súa estrutura e funcionamento, e regularase regulamentariamente. En desenvolvemento desta norma promulgouse o Real decreto 1628/2011, do 14 de novembro, polo que se regulan a Lista e o Catálogo español de especies exóticas invasoras. A súa aplicación encontrou diversas dificultades, o que motivou a presentación de recursos que foron obxecto dos autos do 28 de marzo e do 22 de xuño de 2012, da Sección Terceira da Sala Terceira do Contencioso-administrativo do Tribunal Supremo e da promulgación do Acordo do Consello de Ministros, do 24 de febreiro de 2012, polo que se dá contestación aos requirimentos formulados polos gobernos das comunidades autónomas de Aragón, de Castilla y León e de Cataluña, ao abeiro do previsto no artigo 44.3 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, en relación co Real decreto 1628/2011, do 14 de novembro. Este acordo, publicado no BOE do 19 de marzo de 2012, anulaba os artigos 1, 4, 5, 7, 8, 10, disposición transitoria segunda e anexo II do Real decreto 1628/2011, do 14 de novembro, en todo o que se refire ás especies incluídas na lista e acordaba iniciar o procedemento de modificación do citado real decreto. Neste contexto, o presente real decreto da resposta ao contido do citado acordo do Consello de Ministros. Entre as modificacións máis significativas introducidas no presente real decreto encóntranse a substitución da referida lista pola elaboración dunha relación indicativa das especies con potencial invasor, co obxecto de realizar o seu seguimento e control e a concreción noutra parte, da identificación dos procedementos e as competencias no caso de intervención destas especies nos postos de inspección fronteirizos. Revisada a política de control de especies exóticas invasoras á luz da experiencia adquirida durante o ano e medio de aplicación do Real decreto 1628/2011, do 14 de novembro, procédese a promulgar un novo texto que, seguindo unha política pública de aplicación paulatina no control destas especies exóticas, evita os efectos non desexables que producía ese real decreto, especialmente con respecto ao mecanismo de aplicación do artigo 61.4 da Lei 42/2007, a través da lista de especies potencialmente invasoras do anexo II, o que agora desaparece para levar a cabo un control de seguimento máis coordinado e sen medidas preventivas tan potencialmente invasoras de competencias autonómicas e dereitos de propiedade como as que supuñan a lista citada e o anexo, que se suprimen. Para asegurar que non se produce ningún efecto invasivo desas competencias ou limitativo de dereitos, o presente real decreto declara a retroactividade desta parte e pon como data a quo a do 13 de decembro de 2011, co que desaparecen así os efectos nesta materia do Real decreto 1628/2011. A inclusión de novas especies no catálogo (Acrothamnion preissii, Didymosphenia geminata, Gracilaria vermiculophylla, Lophocladia lallemandii, Womersleyella setacea, BOLETÍN OFICIAL DEL ESTADO Suplemento en lingua galega ao núm. 185 Sábado 3 de agosto de 2013 Sec. I. Páx. 3 Arbutus unedo, Centranthus ruber, Cytisus scoparius, Eschscholzia californica, Ricinus communis, Spartium junceum para Canarias, Crassula helmsii, Elodea nuttallii, Fallopia baldschuanica, Hedychium gardnerianum, Hydrocotyle ranunculoides, Nicotiana glauca, Nymphaea mexicana, Oxalis pes-caprae, Crepidula fornicata, Dreissena bugensis, Ficopomatus enigmaticus, Melanoides tuberculatus, Mnemiopsis leidyi, Potamocorbula amurensis, Rhopilema nomadica, Limnoperna escurris, Dysdera crocata, Ommatoiulus moreletii para Canarias, Linepithema humile, Monomorium destructor, Paratrechina longicornis, Tapinoma melanocephalum. Armadillidium vulgare para Canarias, Dyspanopeus sayi, Dikerogammarus villosus, Orconectes limosus, Percnon gibbesi excepto Canarias, Rhithropanopeus harrisii. Misgurnus anguillicaudatus, Scardinius erythrophthalmus. Duttaphrynus melanostitus. Acridotheres spp., Alopochen aegyptiacus, Branta canadensis, Pycnonotus cafer, Picnonotus jocosus, Quelea quelea, Threskiornis aethiopicus, Atelerix albiventris, Hemiechinus auritus, Herpestes javanicus e Rousettus aegyptiacus) e a supresión dalgunhas que estaban previamente catalogadas (Batrachocytrium dendrobatidis. Udaria pinnatifida e Helianthus tuberosus) obedece á realización dunha análise técnico-científica en profundidade e a un proceso de debate, que quedaron acreditados, ambos, no expediente de elaboración do presente real decreto e que, por tanto, xustifican os citados cambios. Na elaboración deste real decreto foron consultados a Comisión e o Consello Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade. Así mesmo, foi sometido ao procedemento de información pública que prevén para normas de incidencia ambiental os artigos 16 e 18 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente. Na súa virtude, por proposta do ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, coa aprobación previa do ministro de Facenda e Administracións Públicas, de acordo co Consello de Estado e logo de deliberación do Consello de Ministros, na súa reunión do día 2 de agosto de 2013, DISPOÑO: CAPÍTULO I Disposicións xerais Artigo 1. Obxecto. 1. O obxecto deste real decreto é regular o Catálogo español de especies exóticas invasoras (en diante catálogo) e, en concreto, establecer: a. As características, contidos, criterios e procedementos de inclusión ou exclusión de especies no catálogo. b. As medidas necesarias para previr a introdución de especies exóticas invasoras e para o seu control e posible erradicación. c. As características e o contido das estratexias de xestión, control e posible erradicación das especies exóticas invasoras. 2. O presente real decreto non se aplicará: a. Aos recursos fitoxenéticos para a agricultura e a alimentación, que se regulan pola Lei 30/2006, do 26 de xullo, de sementes e plantas de viveiro e de recursos fitoxenéticos. b. Aos recursos pesqueiros regulados pola Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado. c. Aos recursos zooxenéticos para a agricultura e alimentación, que se rexerán pola súa normativa específica. BOLETÍN OFICIAL DEL ESTADO Suplemento en lingua galega ao núm. 185 Sábado 3 de agosto de 2013 Sec. I. Páx. 4 3. En relación cos recursos fitoxenéticos, pesqueiros e zooxenéticos do punto anterior, no caso de especies incluídas no catálogo, deberanse adoptar as medidas necesarias e adecuadas para evitar a súa posible expansión ao medio natural fóra das zonas autorizadas. Artigo 2. Definicións. Para os efectos da presente norma, enténdese por: Análise de riscos: refírese á avaliación científico-técnica da probabilidade e das consecuencias (do risco) da introdución e establecemento dunha especie exótica no medio natural e das medidas que poden aplicarse para reducir ou controlar eses riscos. Animal asilvestrado: espécime animal de procedencia doméstica que está establecido e se move libremente no medio natural e non vive nin se cría baixo tutela, manexo nin supervisión das persoas. Animais de produción: os animais de produción, reprodución, ceba ou sacrificio, incluídos os animais de peletaría ou de actividades cinexéticas, mantidos, cebados ou criados para a produción de alimentos ou de produtos de orixe animal para calquera uso industrial ou outro fin comercial ou lucrativo. Animais domésticos: aqueles animais que pertencen a especies que habitualmente se crían, se reproducen e conviven con persoas e que non pertencen á fauna salvaxe; teñen tamén esta consideración os animais que se crían para a produción de carne, pel ou algún outro produto útil para o ser humano, os animais de carga e os que traballan en agricultura. Animais de compañía: os animais domésticos que as persoas manteñen xeralmente na casa para obter compañía, por seren pertencentes a especies que críe e posúa tradicional e habitualmente o home, co fin de vivir en domesticidade no lar, ben como os de acompañamento, condución e axuda de persoas cegas ou con deficiencia visual grande ou severa. Animal de compañía exótico: animal da fauna salvaxe non autóctona que de maneira individual depende dos humanos, convive con eles e asumiu o costume do cativerio. Control: a acción da autoridade competente ou a autorizada ou supervisada por esta, destinada a unha das seguintes finalidades respecto dunha especie exótica invasora: reducir a súa área de distribución, limitar a súa abundancia e densidade ou impedir a súa dispersión. Especie nativa ou autóctona: a existente dentro da súa área de distribución e de dispersión natural. Especie exótica ou alóctona: refírese a especies e subespecies, incluíndo as súas partes, gametos, sementes, ovos ou propágulos, que poderían sobrevivir ou reproducirse, introducidos fóra da súa área de distribución natural e da súa área potencial de dispersión, e que non terían podido ocupar sen a introdución directa ou indirecta ou sen o coidado do home. Especie exótica invasora: especie exótica que se introduce ou establece nun ecosistema ou hábitat natural ou seminatural, e que é un axente de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa, quer polo seu comportamento invasor quer polo risco de contaminación xenética. Especie exótica con potencial invasor: especie exótica que podería converterse en invasora en España e, en especial, aquela que demostrou ese carácter noutros países ou rexións de condicións ecolóxicas semellantes ás de España. Erradicación: proceso tendente á eliminación de toda a poboación dunha especie. Fomento: medidas adoptadas con respecto a unha especie exótica invasora coa finalidade de incrementar a súa distribución e/ou o tamaño das súas poboacións. Híbrido: exemplar procedente do cruzamento reprodutivo de exemplares de especies diferentes e que ao menos unha delas é especie do catálogo. BOLETÍN OFICIAL DEL ESTADO Suplemento en lingua galega ao núm. 185 Sábado 3 de agosto de 2013 Sec. I. Páx. 5 Introdución: refírese ao movemento por acción humana, voluntaria ou accidental, dunha especie fóra da súa área de distribución natural. Este movemento pode realizarse dentro dun país ou entre países ou zonas fóra da xurisdición nacional. Invasión: acción dunha especie invasora debida a un crecemento da súa poboación e á súa expansión que comeza a producir efectos negativos nos ecosistemas onde se introduciu. Parques zoolóxicos: establecementos, públicos ou privados que, con independencia dos días en que estean abertos ao público, teñen carácter permanente e manteñen animais vivos de especies silvestres para a súa exposición. Planta asilvestrada (ventureira): espécime vexetal que crece en estado silvestre pero procede de semente ou outro tipo de propágulo de planta cultivada de estirpe doméstica. Recursos zooxenéticos: aquelas especies de animais que se utilizan, ou se poden utilizar, para a produción de alimentos e a agricultura. Recursos fitoxenéticos: calquera material xenético de orixe vexetal que, por extensión, inclúe os fungos, con valor real ou potencial para a agricultura e a alimentación. Recursos pesqueiros: os recursos mariños vivos, así como os seus esqueletos e demais produtos daqueles, susceptibles de aproveitamento. Solta: liberación de exemplares de especies alóctonas non catalogadas obxecto de aproveitamento piscícola ou cinexético, naqueles coutos en que se autorizou este tipo de liberacións antes da entrada en vigor da Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade, e que se fai coa finalidade de capturar e extraer os exemplares do medio de forma inmediata. Para os efectos deste real decreto, a referencia á especie comprende tamén as súas subespecies. Artigo 3. Ámbito territorial de aplicación. 1. A presente norma aplicarase no territorio do Estado español e nas augas mariñas sometidas a soberanía ou xurisdición española, incluíndo a zona económica exclusiva e a plataforma continental. O ámbito territorial de aplicación para cada especie do catálogo detállase no anexo. 2. O disposto no parágrafo anterior entenderase sen prexuízo das accións de cooperación internacional ou da xurisdición do Estado español sobre persoas e buques, aeronaves ou instalacións, nos supostos previstos no artigo 6 da Lei 42/2007, do 13 de decembro. CAPÍTULO II Do catálogo Artigo 4. Contido e características. 1. No catálogo inclúense as especies exóticas para as cales existe información científica e técnica que indique que constitúen unha ameaza grave para as especies autóctonas, os hábitats ou os ecosistemas, a agronomía ou para os recursos económicos asociados ao uso do patrimonio natural, de acordo ao artigo 61.1 da Lei 42/2007, do 13 de decembro. As especies que integran o catálogo son as que aparecen indicadas no anexo. 2. O catálogo é un rexistro público, de carácter administrativo e de ámbito estatal, cuxa custodia e mantemento depende administrativamente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. A información contida no catálogo é pública, e o acceso a ela regúlase segundo o disposto na Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente. 3. O catálogo intégrase no Inventario español do patrimonio natural e da biodiversidade, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 42/2007, do 13 de decembro. BOLETÍN OFICIAL DEL ESTADO Suplemento en lingua galega ao núm. 185 Sábado 3 de agosto de 2013 Sec. I. Páx. 6 Artigo 5. Procedementos de inclusión ou exclusión de especies. 1. A inclusión ou exclusión dunha especie no catálogo será realizada polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, logo de iniciativa das comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla ou do propio ministerio. 2. Coa información científica e técnica remitida, así como con aqueloutra de que poida dispor o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural do citado ministerio valorará a solicitude e, se for o caso, elaborará unha memoria técnica xustificativa, que incluirá unha análise de riscos. Esta memoria será estudada na Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade, que aprobará, se for o caso, unha proposta de modificación do catálogo dirixida á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural, para a súa tramitación mediante orde ministerial. A Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade consultará, en materia de especies exóticas e tendo en conta o disposto na disposición adicional décima da presente norma, o comité científico previsto no artigo 7 do Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento do Catálogo español de especies ameazadas. 3. Calquera cidadán ou organización poderá solicitar á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a iniciación do procedemento de inclusión ou exclusión dunha especie no catálogo. A solicitude presentada deberá ser motivada e ir acompañada da información técnica ou científica xustificativa, así como das referencias dos informes técnicos e publicacións científicas que apoien a solicitude. Esta solicitude dirixirase á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural e poderá presentarse nos lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Igualmente, a solicitude poderá presentarse polos medios electrónicos, de acordo co previsto na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. En caso de que a solicitude sexa defectuosa ou incompleta requirirase o solicitante para que emende os defectos advertidos ou presente a documentación complementaria no prazo de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que o solicitante emende os defectos ou presente a documentación complementaria, acordarase o arquivamento do expediente, o cal se lle notificará. No caso de que o solicitante emende os defectos ou presente a documentación complementaria no tempo previsto, procederase a continuar coa tramitación, de acordo co disposto no punto 2. Unha vez valorada a solicitude, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural notificará a decisión de forma motivada ao solicitante, no prazo máximo de seis meses desde a data de recepción da solicitude. A resolución ditada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso de alzada ante a Secretaría de Estado de Medio Ambiente, nos prazos a que se refire o artigo 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o prazo máximo de seis meses sen se ter notificado unha resolución expresa, entenderase estimada a súa petición segundo o establecido no artigo 43.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro. 4. Só se poderán incluír no catálogo especies que fosen descritas taxonomicamente nunha publicación científica de recoñecido prestixio e fosen aceptadas pola comunidade científica. 5. En caso de se constatar a existencia dunha ameaza grave producida pola aparición dunha especie exótica invasora non incluída no catálogo, o procedemento tramitarase con carácter urxente, de acordo co disposto no artigo 50 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. BOLETÍN OFICIAL DEL ESTADO Suplemento en lingua galega ao núm. 185 Sábado 3 de agosto de 2013 Sec. I. Páx. 7 6. Unha vez finalizada a tramitación, o proxecto de orde que conteña a modificación do anexo deste real decreto para incluír ou excluír algunha especie elevarase para a súa aprobación ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, conforme o disposto o artigo 61.2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, e, posteriormente, publicarase no «Boletín Oficial del Estado». Artigo 6. Información contida no rexistro. 1. O rexistro do catálogo inclúe para cada unha das especies a seguinte información: a. Denominación científica, nomes vulgares e posición taxonómica. b. Proceso administrativo da súa inclusión. c. Ámbito territorial ocupado pola especie na súa área orixinal, en áreas onde se encontre introducida fóra de España e detalladamente en áreas onde se encontre introducida en España. Incluiranse tamén as especies e os tipos de hábitats máis vulnerables á súa posible introdución. d. Criterios e breve xustificación técnica e científica das causas da inclusión. e. Referencia ás estratexias e aos plans de prevención, control e posible erradicación aprobados polas comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla ou ás estratexias aprobadas pola Administración xeral do Estado que afecten a especie. 2. A información contida no rexistro do catálogo será subministrada e actualizada polas comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla ou polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e estará ao dispor do público na páxina web do citado ministerio. Artigo 7. Efectos da inclusión dunha especie no catálogo. 1. A inclusión dunha especie no catálogo, de acordo ao artigo 61.3 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, significa a prohibición xenérica da súa posesión, transporte, tráfico e comercio de exemplares vivos ou mortos, dos seus restos ou propágulos, incluíndo o comercio exterior. Esta prohibición está limitada ao ámbito de aplicación especificado para cada especie no anexo. Esta prohibición poderá quedar sen efecto, logo de autorización administrativa da administración competente en ambiente da Administración xeral do Estado ou das comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, cando for necesario por razóns de investigación, saúde ou seguranza das persoas. 2. A inclusión dunha especie no catálogo, de acordo ao artigo 52.2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, significa a prohibición de introducila no medio natural no ámbito do territorio nacional de aplicación recollido no anexo. 3. Os exemplares das especies animais e vexetais incluídas no catálogo que sexan extraídos da natureza por calquera procedemento non poderán ser devoltos ao medio natural. Esta prohibición poderá quedar sen efecto nos supostos de investigación, saúde ou seguranza das persoas, previamente autorizada pola autoridade competente en ambiente da Administración xeral do Estado ou das comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla. 4. En ningún caso se poderán considerar actuacións ou comportamentos destinados ao fomento das especies incluídas no catálogo. En particular, no exercicio da pesca en augas continentais, quedará prohibida a utilización como isca viva ou morta de calquera exemplar desas especies ou das súas partes e derivados. BOLETÍN OFICIAL DEL ESTADO Suplemento en lingua galega ao núm. 185 Sábado 3 de agosto de 2013 Sec. I. Páx. 8 CAPÍTULO III Medidas de prevención e de loita contra as especies exóticas invasoras Artigo 8. Medidas de seguimento xeral e prevención. 1. As comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla e a Administración xeral do Estado, no marco das súas competencias, realizarán o seguimento xeral das especies exóticas con potencial invasor, tal e como determina o artigo 61.4 da Lei 42/2007, do 13 de decembro. Para isto, establecerán unha relación indicativa en que se inclúan as especies exóticas para as cales, polas súas especiais circunstancias, sexa aconsellable manter un maior nivel de control e vixilancia, co fin de propor, chegado o caso, a súa inclusión no catálogo. En calquera caso, no marco da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade, establecerase unha relación indicativa de especies con potencial invasor, especialmente no caso de especies que se distribúan por medios ou hábitats que poidan afectar máis dunha comunidade autónoma ou aquelas que demostraron ese carácter noutros países ou rexións. Esta relación farase pública na páxina web do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. 2. Só se autorizará a liberación por vez primeira dunha especie alóctona non incluída no catálogo no caso de contar cunha análise de riscos favorable e unha autorización previa administrativa da autoridade competente en ambiente das comunidades autónomas ou das cidades de Ceuta e Melilla ou, no ámbito das súas competencias, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Se a competencia for do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a citada autorización será outorgada, logo de informe vinculante da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural, polo director xeral de Sanidade da Produción Agraria no ámbito da Lei 43/2002, do 20 de novembro, polo director xeral de Recursos Pesqueiros e Acuicultura no ámbito da Lei 3/2001, do 26 de marzo, e polo director xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar no ámbito da Lei 41/2010, do 29 de decembro. Nos restantes supostos será outorgada polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural. O solicitante da liberación deberá presentar na súa petición a análise de riscos para ser avaliada pola autoridade competente en ambiente, quen pedirá, se o considerar necesario, a opinión do comité científico a que se refire a disposición adicional décima do presente real decreto. A Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade deberá ser informada de tales liberacións. Cando a liberación vaia producirse en lugares, medios ou hábitats que poidan afectar máis dunha comunidade autónoma, como é o caso de numerosos cursos fluviais ou as augas mariñas, esta deberá ser autorizada pola autoridade competente en materia de ambiente da Administración xeral do Estado ou da comunidade autónoma ou cidades de Ceuta e Melilla, no ámbito das súas competencias, logo de aprobación da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade. 3. A análise de riscos do número anterior conterá, ao menos, información sobre as probabilidades de escape ou liberación accidental, de establecerse na natureza, de converterse en praga, de causar dano ambiental ou de afectar negativamente a biodiversidade autóctona ou os recursos económicos asociados ao patrimonio natural e unha descrición das actuacións previstas para os casos de escape ou liberación accidental, cunha valoración da viabilidade e técnicas de control, erradicación ou contención. Así mesmo, deberase incluír na análise se o exemplar procede ou non de cría en catividade, coñecemento dos problemas, en caso de existiren, causados pola especie noutros lugares e existencia de medios eficaces para reducir riscos de escape ou liberación accidental. BOLETÍN OFICIAL DEL ESTADO Suplemento en lingua galega ao núm. 185 Sábado 3 de agosto de 2013 Sec. I. Páx. 9 Artigo 9. Medidas urxentes. En caso de constatarse a existencia dunha ameaza grave producida pola aparición dunha especie exótica invasora, incluída ou non no catálogo, e paralelamente ao establecido no artigo 5, será informada a rede de alerta establecida no artigo 12 e serán aplicadas urxentemente polas comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla e pola Administración xeral do Estado no ámbito das súas competencias, ou por outras autoridades competentes, en coordinación co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, as medidas necesarias para o seguimento, control e posible erradicación da citada especie, no marco do operativo establecido na rede de alerta. Artigo 10. Medidas de loita contra as especies exóticas invasoras do catálogo. 1. As administracións competentes adoptarán, se for o caso, as medidas de xestión, control e posible erradicación das especies incluídas no catálogo. No marco de estratexias, plans e campañas de control e erradicación, as administracións competentes poderán autorizar a posesión e o transporte temporais de exemplares destas especies até o lugar da súa eliminación do medio natural, proceso que deberá realizarse no menor prazo posible e de acordo coa lexislación sectorial sobre esta materia. Estas medidas de xestión, control e posible erradicación serán adoptadas segundo as prioridades determinadas pola gravidade da ameaza e o grao de dificultade previsto para a súa erradicación. 2. A Dirección Xeral de Mariña Mercante do Ministerio de Fomento e a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, a Dirección Xeral da Auga e a Secretaría Xeral de Pesca, como organismos competentes da Administración xeral do Estado, e as comunidades autónomas, no ámbito das súas competencias, aplicarán medidas de prevención, control e xestión das especies incluídas no catálogo nas actividades recreativas e deportivas desenvolvidas nas augas continentais e mariñas. No caso de especies do catálogo detectadas en augas de lastre de embarcacións, aplicaranse as medidas de prevención, control e xestión establecidas pola Organización Marítima Internacional na materia, especialmente por medio do disposto no Convenio internacional para o control e a xestión da auga de lastre e os sedimentos dos buques, de 2004, e polas directrices e criterios establecidos nos convenios rexionais de protección do medio mariño. 3. As autoridades competentes exixirán aos promotores de obras en cursos fluviais que se informen sobre a presenza de especies do catálogo naquelas masas de auga que van ser orixe de transvasamentos ou desviacións temporais ou permanentes de auga. En caso de presenza destas especies, revisarase o proxecto para estudar alternativas e medidas de prevención que non impliquen dispersión destas especies, ou valorarase a suspensión do proxecto. Do mesmo modo, se se executan traballos en cursos afectados por especies do catálogo, deberanse aplicar protocolos preventivos de dispersión das especies a cursos non afectados. 4. As autoridades competentes poderán requirir aos titulares de terreos que faciliten información e acceso aos seus representantes, co fin de verificar a presenza de especies exóticas invasoras e, se for o caso, tomar as medidas adecuadas para o seu control. 5. Tendo en conta criterios de selectividade e benestar animal, as autoridades competentes autorizarán os métodos e condicións de captura máis adecuados para o control, xestión e posible erradicación de especies animais incluídas no catálogo. Poderase considerar a caza e a pesca como métodos de control, xestión e erradicación das especies incluídas no catálogo cuxa introdución se produciu con anterioridade á entrada en vigor da Lei 42/2007, do 13 de decembro, cando este obxectivo quede recollido nos instrumentos normativos de caza e pesca e se circunscriba ás áreas de distribución ocupadas por estas especies con anterioridade a esa data. 6. As autoridades competentes en ambiente adoptarán medidas para evitar o abandono de restos de especies vexetais exóticas, a excepción dos acumulados no marco de campañas de erradicación, sempre e cando non supoñan un risco de dispersión. BOLETÍN OFICIAL DEL ESTADO Suplemento en lingua galega ao núm. 185 Sábado 3 de agosto de 2013 Sec. I. Páx. 10 Artigo 11. Medidas de control nas partidas presentadas á inspección nos postos de inspección fronteirizos (PIF). 1. Cando exemplares de especies do catálogo sexan presentados nos postos de inspección fronteirizos ante as autoridades veterinarias ou fitosanitarias, o veterinario oficial ou o inspector fitosanitario, respectivamente, decidirán rexeitalas. A detección destas especies poderá realizarse por declaración da especie por parte do importador ou o seu representante ou porque conste na documentación que acompañe a partida a especie. Así mesmo, as especies do catálogo poderán detectarse no control de identidade que os inspectores realizan durante a inspección sanitaria. 2. Unha vez rexeitada a partida, o veterinario oficial ou o inspector fitosanitario, segundo proceda, comunicarán esta decisión ao importador ou ao seu representante, o cal nun prazo non superior a 48 horas deberá decidir se a partida se destrúe ou se reexpide ao país de orixe. 3. As autoridades veterinarias ou fitosanitarias comunicarán a decisión final á alfándega e nos casos de destrución e eutanasia dos animais serán responsables da súa execución e supervisión. O importador ou o seu representante será o responsable de notificar á alfándega o resultado da destrución e/ou eutanasia para efectos alfandegueiros e, se for o caso, da liquidación de dereitos de importación e demais tributos exixibles. 4. Os exemplares rexeitados ou abandonados poderán permanecer nas instalacións do PIF durante as 48 horas, nas cales o importador ou o seu representante debe tomar unha decisión sobre o destino da partida, e outras 48 horas máis até que os exemplares sexan destinados a eutanasia e/ou destrución ou se reexpidan. Este prazo poderá prorrogarse, logo de autorización das autoridades veterinarias ou fitosanitarias do PIF, sempre que non se comprometa a utilización do PIF para os seus fins de inspección sanitaria. 5. Durante o período en que permanezan os exemplares no PIF, a supervisión das condicións de depósito até alcanzar o destino previsto corresponderá ás autoridades veterinarias ou fitosanitarias, segundo proceda, e é responsabilidade da alfándega evitar que se dea ás especies un destino alfandegueiro non autorizado. 6. No caso dos animais, deberán ser mantidos en condicións de benestar animal, de acordo co Regulamento (CE) 1/2005, do 22 de decembro de 2004, relativo á protección dos animais durante o transporte e as operacións conexas e que modifica as directivas 64/432/CEE e 93/119/CE e o Regulamento (CE) n.º 1255/97. 7. Cando se detecten en mercadorías que sexan presentadas á inspección no PIF exemplares de especies do catálogo de forma accidental, a autoridade veterinaria ou fitosanitaria acordará a súa inmobilización e procederase á identificación das especies. Se se tratar de especies exóticas invasoras, comunicarase ao importador ou ao seu representante e tomarase unha decisión acerca da partida que garanta que se encontra desprovista destes exemplares, dos seus propágulos e de elementos con capacidade dispersiva. Se isto último non for posible, deberase efectuar a limpeza, desinfección ou destrución da mercadoría, que será acordada e controlada polas autoridades veterinarias e fitosanitarias correspondentes. Unha vez finalizadas estas operacións, informarase a administración de alfándegas competente. Se se detectar en mercadorías situadas no recinto alfandegueiro e non presentadas ao PIF, a alfándega porá en coñecemento da situación a autoridade veterinaria ou fitosanitaria correspondente, suspenderase, se for o caso, o despacho aduaneiro, e procederase como se indicou no parágrafo anterior. 8. Os gastos derivados da estadía, eutanasia e/ou destrución, a reexpedición ou outras medidas para eliminar os exemplares detectados ou os seus propágulos e elementos con capacidade dispersiva correrán a cargo do importador ou do seu representante.

Description:
Ommatoiulus moreletii (Lucas, 1860). Canarias. Milpés portugués, milpés cardador, milpiés invasor. Paratrechina longicornis (Latreille, 1802). Formiga tola.
See more

The list of books you might like

Most books are stored in the elastic cloud where traffic is expensive. For this reason, we have a limit on daily download.